Friday 17 de May de 2024

A Xunta de Voceiros/as reunirase dúas veces á semana para informar das novas medidas polo coronavirus


A alcaldesa, Inés Rey, destacou a actitude construtiva de todas as forzas políticas, das que recolleron suxestións de cara a lles dar unha mellor resposta ás necesidades da veciñanza ante a situación de confinamento

A alcaldesa, Inés Rey, e o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, reuníronse esta mañá co resto das e dos representantes das forzas políticas do concello para os pór ao día das últimas medidas acordadas de cara a frear o avance do coronavirus na cidade. Neste aspecto, estableceuse unha periodicidade para esta xunta de dúas veces á semana. En concreto, os encontros terán lugar os luns e os xoves.

No encontro, abordáronse todas as determinacións tomadas estes días, como a suspensión do servizo da ORA, a gratuidade do aparcadoiro do Materno InfantilOncolóxico para persoal dos centros e persoas usuarias ou a creación dun equipo de voluntariado de máis de 500 persoas que atenden desde o luns as demandas da veciñanza máis vulnerable.

Tamén se informou das reunións mantidas entre o CECOPAL (Centro de Coordinación Operativa da Administración Local) e o PMA (Posto de Mando Avanzado) e as casuísticas que xurdiron ao longo destas xornadas e ás que desde este centro lles deron saída con urxencia.

Nota de Prensa

A rexedora agradeceu a actitude “construtiva” de todas e todos os voceiros, que achegaron suxestións para temas como o das persoas sen teito, a atención a domicilio, o control das colas nos comedores sociais ou as mulleres que están sufrindo violencia de xénero nos seus domicilios: “Recollemos todas as medidas e explicamos as dúbidas que formularon”. Pola súa parte, os/as representantes puxéronse ao dispor do Goberno local tamén no que se refire á difusión do acordado.

O CECOPAL (Centro de Coordinación Operativa da Administración Local) está dirixido por Inés Rey en consenso co responsable de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, e varias/os concelleiras/os e establece toda unha serie de elementos de coordinación co fin de solventar as urxencias provocadas polo avance da enfermidade.